TEMA 3. PRODUCIMOS DE FORMA RESPONSABLE.

 QUÉ SON AS ACTIVIDADES PRODUTIVAS?

Son as actividades realizadas polas persoas que permiten conseguir produtos e servizos.

Dependdendo do que obteñan, as actividades produtivas clasifícanse en sectores: primario, secundario e terciario ou de servizos.

SECTOR PRIMARIO. 

Son as actividades que obteñen produtos e materias primas directamente da natureza, como a agricultura, a gandaría, a pesca ou a explotación de bosques.

SECTOR SECUNDARIO.

Inclúe as actividades que transforman as materias primas en produtos elaborados, como a artesanía, a industria e a construción.

SECTOR TERCIARIO.

Son as actividades que ofrecen servizos como o comercio, o transporte, o ensino, a sanidade.


COMO SE REALIZAN AS ACTIVIDADES PRODUTIVAS?

O proceso produtivo consta de 4 fases:

1. Produción. Proceso para obter ou transformar un recurso natural.

2. Distribución e venda. Traslado e comercialización dos produtos a un prezo.

3. Consumo. Compra polos consumidores dun produto ou dun servizo nun comercio físico ou dixital.

4. Residuos. Refugos que se produciron durante a produción ou a realización dun servizo, da venda..


OS ELEMENTOS DAS ACTIVIDADES ECONÓMICAS.

No desenvolvemento dunha actividade económica interveñen varios elementos:

  • O traballo. É a actividade que as persoas realizan a cambio dun salario. Os traballadores asinan un contrato laboral coa empresa en que se reflicten as súas condicións de horario, salario, vacacións...
  • Os recursos naturais. Son os materiais que obtemos da natureza e que utilizamos para realizar unha actividade produtiva. Poden ser renovables, se non se esgotan co uso, como as árbores; e non renovables se se esgotan co uso, como o petróleo.
  • A enerxía. É imprescindible en calquera actividade. Hai fontes de enerxía renovables, que non se esgotan, como o aire, a auga ou o Sol; e fontes de enerxía non renovables, que existen na Terra nunha cantidade finita, como o petróleo e o gas.
  • Os residuos e a contaminación. Algúns residuos pódense reutilizar ou reciclar, pero outros son perigosos. Poden contaminar o aire, os solos e as augas e prexudicar a saúde de persoas, aninais e plantas.


COMO TRANSFORMAN AS ACTIVIDADES NO MEDIO?

As actividades produtivas provocan cambios no medio e nas paisaxes.

AS TRANSFORMACIÓNS NO MEDIO RURAL.

Algunhas transformacións no medio rural son positivas e outras son negativas.

POSITIVAS:

  • BIOMASA: residuos gandeiros e agrícolas de que se obtén enerxía renovable.
  • REGAS EFICIENTES: eliminación de pozos ilegais e reutilización de augas para regar.
  • REFORESTACIÓN: Plantación de árbore axeitadas ao clima e terras de cada lugar.
NEGATIVAS:
  • VERTEDURAS: contaminación de augas e terras con substancias nocivas procedentes da gandaría e da agricultura.
  • ESGOTAMENTO DO SOLO: debido a algunhas formas intensivas de agricultura, á explotación de minas, canteiras....

OS CAMBIOS NAS CIDADES.

Nas cidades desenvólvense moitas actividades produtivas. Destacan as do sector secundario, como a industria, e as do sector servizos.

Estas circunstancias provocaron algúns problemas nas cidades, para os que se están aplicando solucións.

Algúns deses problemas son:

  • Tráfico intenso: polos desprazamentos da poboación e pola subministración de recursos e recollida de residuos.
  • Contaminación atmosférica: debido ao intenso tráfico e á emisión de gases contaminantes por fábricas, calefaccións e aires acondicionados.
  • Residuos abundantes: Ao vivir tanta poboación prodúcense inmensas cantidades de residuos.
Algunhas solucións son:
  • Enerxías renovables e illamento: Para conservar a termperatura das vivendas. A instalación de placas solares en edificios reduce o consumo de enerxías non renovables.
  • Vehículos de cero emisións. Para reducir a emisińo de fumes e dióxido de carbono no aire. Para iso úsanse vehículos eléctricos ou de hidróxeno verde.
  • Iluminación pública. De menor consumo eléctrico e intensidade para reducir a contaminación luminosa.
  • Incremento de zonas verdes. Porque as plantas absorben o dióxido de carbono do aire e axudann a diminuír a temperatura do contorno.


OUTRA FORMA DE PRODUCIR?

O proceso tradicional das actividades produtivas é:

PRODUCIR ---- CONSUMIR ---- DESBOTAR

E xera varios problemas:

  • Utiliza moitos recursos naturais.
  • Emite gases de efecto invernadoiro como dióxido de carbono.
  • Acumula residuos que contaminan terra, aire, augas.
Estes problemas levaron a reflexionar sobre unha nova forma de producir en que se reducen os residuos e a extracción dos recursos.

Este novo proceso das actividades produtivas chámase CIRCULAR porque pecha o círculo da produción, xa que os refugos ou residuos se volven utilizar como materia prima para producir.

  • A produción. Realízase coa menor cantidade de recursos naturais posible e recicla materiais que xa se usaron, así redúcense o lixo e mais o consumo de recursos. Utiliza fontes de enerxía renovables para reducir a emisión de gases nocivos e o esgotamento dos recursos.
  • O consumo. Nesta forma de producir, as persoas cando consomen adoitan: 
    • Comprar produtos de proximidade. Reducen moita enerxía e contaminan menos.
    • Usar produtos de segunda mano. Son máis baratos e redúcense o uso de recursos e enerxía.
    • Elixir produtos para varios usos e que non teñan moita embalaxe.
    • Usar os recursos de forma responsable. Por exemplo, axustar a temperatura da calefacción e do aire acondicionado..
  • Os residuos. Esta forma de producir intenta diminuir as grandes cantidades de lixo dos vertedoiros. Por iso, lévanse a cabo campañas para reducir o uso de envases de plástico.
  • A reciclaxe, a reutilización e a reparación. Os residuos utilízanse como recursos porque tras o seu uso volven de novo ao proceso circular de produción. Por exemplo, o papel ou o vidro. Así, extráense da natureza menos recursos e necesítase menos enerxía para producir de novo papel e vidro nas fábricas. Por iso é importante a correcta separación dos residuos.

CONSUMIMOS CON RESPONSABILIDADE.

AS COMPRAS E O DIÑEIRO.

O CONSUMO consiste en utilizar diñeiro para comprar produtos ou servizos que necesitamos ou desexamos.

Nas compras interveñen:

  • A persoa que compra. É o cliente ou consumidor.
  • O que se compra. É o produto ou servizo que se intercambia.


QUE É O CONSUMO RESPONSABLE?
  • Valorar se necesitamos o produto ou servizo que imos comprar.
  • Adquirir produtos con pouca embalaxe e elaborados con materiais reciclables.
  • Reclamar no caso de que a nosa compra non se axuste ao que se nos ofrecía.
  • Elixir artigos producidos sen prexudicar as persoas nin o medio natural.
  • Aforrar algo de diñeiro cada mes para ter fondos para imprevistos.
  • Elaborar unha listaxe e un orzamento de compra e non desviarnos moito deles.
QUE É A PUBLICIDADE?
É o conxunto de medidas que se utilizan para que os consumidores coñezan un produto ou un servizo. (Catálogos de produtos, folletos coas ofertas do supermercado, anuncios, etc)
A publicidade tamén se utiliza para informar a poboación de situacións ou acontecementos. É a publicidade institucional que levan a cabo as ONG, as administracións, grandes empresas, fundacións...

Comentarios

Entradas más populares de este blog

Cómo é a Terra?

REPASAMOS O QUE SABEMOS DA PREHISTORIA.

Coñecemos os climas (para 4 curso)